Miel Casa da Torre  

           

As abellas dos millóns de seguidores


Dumia é unha aldea de Cervantes de 30 habitantes. Porén, os vídeos que alí gravan os irmáns Ismael e Óscar Cedrón acostuman chegar a millóns de persoas.E por que? Que é o que tanto chama a atención a xente de medio mundo? As abellas.

Na Casa da Torre sempre houbo abellas. Óscar recorda, de neno, os antigos trobos da casa, vinte como máximo, coma gardiáns dese horizonte a mil metros de altura nos Ancares. De pequeno non lle gustaba ir coas vacas, pero xuntarse co avó, e pedalear para facer funcionar o extractor, encantáballe. O mes de agosto tiña sempre esa cor, escura. "Moita xente se sorprende dese ton do mel, tan pardo", comenta. A uz, a silveira, o castiñeiro son os responsables, así coma un manexo natural, sen ningún aditivo.

Óscar e Ismael naceron en Dumia, nesa casa que garda a memoria dunha antiga torre. Medraron CPI de Cervantes, no Instituto de Becerreá, estudaron fóra. Pero sempre, sempre, volveron para tratar das abellas. Nesta época van e veñen dende Lugo, non pasan dous días sen ir. O que teñen que atender é moito, nada máis e nada menos que 500 colmeas.

Nunca imaxinaron eses números. Como tampouco podían crer que aquel vídeo, hai dous anos, no que ensinaban como se quitaba a cera do panal, causase tanto éxito. Ata entón, non tiñan máis dun cento de seguidores. Pero, non se sabe como, o vídeo comezou a sumar e sumar visitas. Correu, como as abellas, a quilómetro por minuto. "Chegamos a ter 50.000 comentarios, houbo un momento no que tivemos que desistir de respondelos todos", indica. Xente que preguntaba sobre o manexo, sobre o lugar, sobre o sabor. "É unha honra para nós que todo o que nos ensinou a facer o meu pai teña tanta atención, emociónanos pensar canto lle gustaría a el", di Cedrón, días despois de que a TVE se achegase á súa aldea para dar conta deste éxito.

Aínda a día de hoxe, xusto antes de atender esta entrevista, Óscar respondeu un pedido de Estados Unidos, que vén do longo ronsel dos seus vídeos, sobre todo en TikTok, onde cada venres comparten unha publicación: un truco, un consello, o rescate dun enxame, a maneira de multiplicar as colmeas, ou de dividilas, ou de crear as raíñas. Logo de compartilo nesta rede social, vai para Instagram e para Facebook.

Polo momento, estes irmáns pensan manter a apicultura como até agora, sen que sexa a súa actividade principal. Co tempo, xa se verá. Antes, o mel da Casa da Torre coñecíase polo boca a boca. E sempre, sempre se acababa. Agora, corre polas redes por medio mundo. Portugal, Francia, Alemaña, Bélxica ou Italia son os países máis habituais aos que chega, ademais de distribuírse en todo o Estado. E sempre, sempre se acaba. Así que, por agora, toca agardar. Porén, hai moitos vídeos por aí adiante para facer a espera máis levadeira.

Apiturismo: un proxecto futuro

A viralización dos vídeos da Casa da Torre tamén trouxo visitas consigo a Dumia. De maneira altruísta, os irmáns Cedrón abriron a porta da súa casa algún sábado, para pasar o día con xente que, dende distintos lugares, quixo asomar ao mundo das abellas.

APICULTOR POR UN DÍA. Agora, Casa da Torre está no proceso de desenvolver un proxecto de turismo vencellado coa apicultura. "Queremos transmitir máis de preto o amor que temos pola apicultura, pola nosa aldea, polo rural, e dar a oportunidade de ser apicultor por un día", afirma Óscar Cedrón. Esta oferta estará pronto dispoñible na súa páxina web, agora mesmo en proceso de remodelación.

    Link da nova: https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/abellas-millons-seguidores/202305221136441667418.html



Kitdigital-nextgeneration
wasthapp
llámanos